domingo, 10 de febrero de 2013

24 de febreiro: Cabío-Coroso-Cabío


Os puntos de encontro foron ás 9:00 diante da Casa da Cultura da Cachada en Boiro (onde sempre) e ás 9:20 frente ao cámping de Cabío ("Ría de Arosa").

A Ruta Cabío-Coroso-Cabío durou aproximadamente 3 horas 45 minutos. A ruta non ten desniveis apreciables, tendo un perfil practicamente plano, por tanto é asequible a todos os públicos. Son sobre 14 kilómetros.

Dificultade: percorrido moi suave e agradable, algo urbanizado en partes.

Saimos do Cámping "Ría de Arosa", e ascendemos á Pedra da Moura, desde onde poidemos observar unha excelente vista da Ría de Arousa, continuando polo paseo marítimo da Lombiña (Cabío) ata a praia da Illa. Seguimos pola beiramar, en marea baixa pola praia da Corna ata a vila de Palmeira. Aquí fixemos unha parada no miradoiro do Castelo (lugar onde existiu unha torre medieval). Continuamos cara Insuela, a praia de Riazor e finalmente chegamos á Xunqueira e ao paseo marítimo de Coroso (Ribeira), dando a volta no bar de madeira no medio da praia. Regresamos polo mesmo traxecto por Palmeira ata a praia da Corna, desde onde atravesamos as dunas por unha pista que continúa entre campos ata a praia da Illa e finalmente alcanzando de novo a praia da Lombiña e o cámping de Cabío.

Desde o itinerario poidose observar toda unha serie de illotes que orlan o litoral Norte de Arousa: A Íngoa, A Illa dos Ratos, A Tixosa,  A Perilla Grande e Pequena, A Illa das Cabras e a Illa de Coroso, e ao lonxe, as illas de Arousa, Rúa e Sálvora, ademais da península do Grove, que foi illa hai varios séculos. Tamén pasamos polo porto de Palmeira, con diversas dornas, embarcacións tradicionais exclusivas da Ría de Arousa e Ons. Este porto ten polo menos 200 anos. O Miradoiro do Castelo recibe o seu nome porque na Idade Media encontrábase aquí unha pequena fortaleza propiedade do Arcebispado de Santiago.  O lugar chamábase O Castelo pero ninguén sabía porqué, en 1923 atopan uns documentos no arquivos arcebispais de Santiago que falan da súa existencia. Posteriormente as pedras do Castelo foron levadas ao parecer para a construción do Convento de Santo Antonio no Maño (A Pobra). Hoxe en día hai un monumento ao Emigrante.  Ao longo de todo o litoral atravesamos tamén algunha piscifactoría e praias con fondos mariños que son importantes bancos marisqueiros, por exemplo a praia de Coroso.

As Dunas da Corna é o sistema dunar mellor conservado da beira norte da ría. Conserva a vexetación dunar natural e acolle en primavera nos últimos anos de 1 a 2 parellas nidificantes de píllara (chorlitejo), unha ave litoral, da que só quedan unhas 100 parellas en Galicia. A competencia do espazo cos bañistas e a a predación de ovos por corvos e cans, son os principais problemas que ten, asi como a limpeza esaxerada de algas, que as priva de alimento. Nas dunas tamén se atopa unha planta escasa en Galicia, chamada Alyssum, exclusiva da costa norte de España e uns poucos lugares de Francia. Ten problemas de conservación ocasionados polo pisoteo e  a destrución de dunas por urbanización e construción de infraestruturas. A instalación de pasarelas de madeira pode axudar á súa conservación.

Na punta da Corna vimos unha zona de contacto entre dous tipos de rochas, o granito de Caldas de Reis e as rochas metamórficas. O granito de Caldas formouse hai uns 250 millóns de anos por unha elevación lenta dos materiais fundidos do interior da terra (por baixo das rochas da códea terrestre). Pola erosión das rochas superiores  queda ao descuberto. As rochas metamórficas presentes na Corna son chamadas xistos. Estas rochas son materiais que estaban antes dispostos en capas ( por arrastres ao fondo do mar desde a terra) e foron comprimidos a elevadas presións e temperaturas nos choques entre as placas dos continentes, deformándose aínda máis en contacto co granito a elevada temperatura. As presentes na Corna son da época precámbrica (de antes do Cámbrico, Cambria era o nome latino do País de Gales, onde hai rochas da época). Orixináronse entre 4000 e 600 millóns de anos (non sabemos exactamente a idade das da Corna). O precámbrico é a época dos máis antigos procesos de formación de montañas dos que quedan restos na terra (a códea terrestre créase e se destrúe através de millóns de anos).




Punta da Corna, contacto de 2 tipos de rochas





Fotos de Miguel e Vázquez.




1 comentario:

  1. Canta información interesante sobre a ruta. Xa apetece facela solo de ler a descripción. :)

    Saúdos. Maria.

    ResponderEliminar