miércoles, 13 de diciembre de 2017

licenza 2018

Para ter licenza federativa no ano 2018 hai que:

- Escoller a modalidade que che interesa (ver cadro que hai máis abaixo cos prezos).

- Ingresar a cantidade que corresponde + 12 € a maiores por cota anual do Club de Montaña do Barbanza Vintedouspés, nº de conta ES2520800310553000121101 (Abanca). En concepto indicar nome, apelidos e a modalidade escollida.

A modo de exemplo:

-Un adulto que escolla a modalidade A con ámbito territorial España, Portugal, Pirineo francés, Andorra e Marrocos que inclu Excursionismo, Campamentos, Marchas e Sendeirismo, Marcha Nórdica (Sen incluir a Alta Montaña) tería que pagar en total ao ano 79 € (nesos 79 vai incluida cota do club).


-Un adulto que escolla a modalidade B con ámbito territorial España, Portugal, Pirineo francés, Andorra e Marrocos que inclue Excursionismo, Campamentos, Marchas, Sendeirismo, Rocódromo, Alpinismo, Montaña e Alta Montaña, Escalada, Barrancos, Carreiras por Montaña, Espeleoloxía, Raquetas de Neve, Esquí de Montaña, Canicross, Snow Montaña, Marcha Nordica, Splitboard e Vías Ferratas tería que pagar en total ao ano 83 € (nesos 83 vai incluida cota do club).

-Un adulto que escolla a modalidade AU terá de ámbito territorial Galicia, as disciplinas da modalidade B, tería que pagar en total ao ano 61 € (nesos 61 vai incluida cota do club) 





Se tes algunha dúbida podes preguntarnos por email ou teléfono.

Hai un ingreso no que non figura o nome, que fixo así que contacte con nos.

Os prezos das licenzas federativas para o ano 2018 están neste enlace http://fgmontanismo.es/wp/wp-content/uploads/PREZOS-E-COBERTURAS-LICENCIAS-2018.pdf e nesta imaxe



Pódeste dar de alta en calquera momento do ano, pero como a validez da licenza é por ano natural o ideal é darse de alta a principios de ano.

ESTAR FEDERADO DÁCHE DEREITO A:
Participar con preferencia nas actividades federativas (FGM/FEDME).
Participar nos cursos da Escola Galega de Alta Montaña (EGAM)
Axudas económicas nalgunhas actividades federativas de ámbito galego, estatal e internacional
Usar os refuxios galegos e os que teñan convenio
Prezos moi reducidos nos refuxios galegos
Comunicacións periódicas
Calendario de actividades
Participar en actividades divulgativas
Competicións oficiais de escalada e carreiras por montaña
Tódalas vantaxes de pertencer á Federación Española FEDME: www.ventajasfedme.es

DATOS IMPORTANTES
 Licenzas válidas por ano natural. Tódalas licenzas caducan o 31 de decembro.
Non poderán tramitarse licenzas daqueles que omitan consignar tódolos seus datos ou o fagan de forma incorrecta.
Tódolos duplicados do carné federativo motivados por erros do clube solicitante, extravío, roubo ou ampliación de cobertura do seguro, terán que pagar 3 euros por tramitación.
Información impotante:
Calquera accidentado ten a obriga de chamar a Federación para cumplimentar un Parte de Accidente coa maior brevidade posible.

Máis información na páxina da Federación Galega de Montañismo http://fgmontanismo.es/licenza/

sábado, 9 de diciembre de 2017

montaxe 2017



Neste video saen fotos das rutas de xaneiro ata 1 de outubro do 2017. Boas festas e que 2018 nos traia alomenos dezaoito rutas con encanto.

jueves, 7 de diciembre de 2017

14 de xaneiro: Enseada do Lodeiro (cerca de Ponteceso) - Laxe. (Camiño dos faros - Costa da Morte).

Información da ruta (facilitada por Camiño dos Faros)
Desde a enseada do Lodeiro (as Grelas) vamos cara o interior nunha subida esixente pola Ruta do Rego dos Muíños ata o Castro A Cibda e o Dolmen de Dombate, dous xoia arqueolóxicas de A Costa da Morte.

Desde Dombate tomamos dirección á costa, desviándonos en Fontefría para subir ao Monte Castelo, o cume do Camiño dos Faros con 312 metros. Alí contemplamos as mellores vistas panorámicas da Ría de Corme e Laxe.

Desde ese cume baixamos por Canduas cara á Praia de Area das Vacas, á  que non chegamos para tomar antes un cruce que nos leva pola Costa da Mundiña á praia de Rebordelo.

A última parte da etapa lévanos á Punta do Cabalo, desde onde temos unhas vistas panorámicas de toda a Ría de Corme e Laxe. A partir de aí, iremos pola costa pasando o fermoso coído de Frexufre antes de acadar Laxe, ao que chegaremos pola súa extensa praia ata a praza do pobo, final desta ruta.

Distancia: arredor de 18 km, dificultade: media.






















lunes, 4 de diciembre de 2017

17 de decembro Faro de Corrubedo – mirador de Valle Inclan

O domingo 17 de decembro fomos do Faro de Corrubedo ao mirador de Valle Inclan (cerca de A Curota).

Ruta de 19 km aproximadamente, dificultade: media, está previsto sobre as 3 estar de volta en Boiro. É unha ruta lineal, deixaremos uns coches no mirador de Valle Inclan e levaremos outros ao faro de Corrubedo (vamos en coches particulares).

Puntos de encontro ás 8.30 en Boiro, diante de Casa da Cultura (Avda. da Constitución), ás 8.45 mirador de Valle Inclan (cerca de A Curota) e ás 9 para empezar a andar en Faro de Corrubedo.

Iniciase a ruta no faro de Corrubedo (Ribeira), síguese a liña da costa polas praias de Balieiros e Espiñeirido, a continuación dirixímonos ao monte Tahume, desde aí tiramos para o dolmen de Axeitos, Moldes ,onde hai un cruceiro de capela e ascendomos por camiño ao mirador de Valle Inclán.

Neste enlace está o track da ruta https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/faro-corrubedo-mirador-de-valle-inclan-21619150

Lenda: Valverde e a Santa de Moldes (collida de http://galiciaencantada.com/index.asp)

Hai moito, moito tempo, existía na parroquia de Olveira, concello de Ribeira (A Coruña), unha importante vila costeira chamada Valverde, habitual lugar de grandes comerciantes, áxiles mariñeiros e astutos negociantes. Alí chegaban mercar e vender xentes das máis lonxanas paraxes.
A industria pesqueira e mailo comercio eran bases sólidas e fortes que non facían máis que afianzar o carácter competitivo, orgulloso e individualista dos dirixentes da propia vila.
A riqueza e a fartura albergaban toda a vida da comunidade. Non había lugar para nada máis.
A pesar disto, as súas xentes amosábanse ledas, distendidas e amables. De feito, considerábanse pertencentes a unha vila privilexiada, xa que por unha banda o mar concedíalles peixe en abundancia e pola outra as negras terras eran moi ricas en fósforo e nitróxeno favorecendo as sementeiras de legumes e cereais.
Sen embargo, a medida que os días, meses e anos foron pasando, o afán dos habitantes por adquirir e posuír riquezas ía aumentando irremediablemente. Había disputas serias. Só se buscaba o propio beneficio. Cantas máis riquezas posuían, máis querían.
A propiedade das terras era o problema esencial. Uns protestaban porque as súas terras xa non producían como as do veciño; outros marcaban os lindes das propiedades de forma ilegal, invadindo e collendo un cacho de terra ao do lado; había moitos que pola noite ían roubar a colleita do veciño para vendela ao día seguinte na feira; algúns incluso chegaron a inundar as terras doutra persoa por pura envexa.
A riqueza e maila cobiza estaban a estragar a saúde da poboación, pero aínda así os seus dirixentes nin caso facían.
Paulatinamente os conflictos internos entre veciños ían dando paso a monumentais disputas sociais que requiriron a intervención directa do alcalde pedáneo.
Este era unha persoa ruín, sinónimo do que en verdade estaba a acontecer coas súas xentes, e en lugar de curar ao seu pobo das ansias de poder, non fixo máis que castigar aos culpables, que en realidade eran todos, impoñéndolles altísimas rendas co fin de agrandar aínda máis as súas arcas.
A situación na vila de Valverde era insoportabel. A agricultura case deixou de existir polo que o comercio desapareceu por completo; tódalas posesións estaban nas mans do alcalde tirano.
Certo día apareceu na vila unha muller cun meniño no colo. Levaba un manto branco cubrindo os seus lindos e escuros cabelos. Logo de percorrer triste e conmocionada cada curruncho da vila, presentouse na casa do alcalde. Este recibiuna cun semblante de certa intranquilidade e desacougo.
—¿Quen es ti? —dixo con certo aire de grandeza.
—Son María, e veño a anunciarlle que unha terrible maldición está a piques de envolver ao seu pobo. A cobiza e as ansias de riqueza están a acabar con el, e se vostede non fai nada, será o primeiro en coñecer a ira de Deus.
—Non me fagas rir, e marcha por onde viñeches, ¡Desvergoñada!.
Dunha batida pechoulle a porta diante dos fociños. María mirou desconsolada cara o ceo e derramou unha fermosa bágoa que caeu silandeira na impoluta fronte do seu precioso retoño.
Resignada, emprendeu camiño arriba, polas pistas de terra morna do monte da Curota tentándose alonxar o máis rápido posible da inmediata traxedia.
Camiño da Curota, María atopouse cun labrego, que estaba a rozar na herba coa súa gadaña. Este preguntoulle un tanto interesado:
—Boa dona, ¿onde vai tan de contado?
—Fuxo da fatalidade —respondeu ela concisa e sen sobresaltos.
—¿U-la fatalidade?
—Póñase a cuberto que velaquí a ben!
Entón o vento comezou a bruar e unha tormenta infernal recolleu toda a terra dos camiños, toda a area das praias, todas as árbores das fragas, e nunha enorme espiral dirixiuse violentamente cara a vila de Valverde que quedaría, en poucos minutos, totalmente sepultada.
Cando o furacán amainou, o labrego incorporouse asustado, ergueu a vista, e dende onde el estaba puido divisar o pobo de Valverde asolagado e enterrado baixo montes de area e lama.
O labrego viu entón como a muller continuaba andando como se ningún mal acontecese.
—¡Hei, ho!, ¿Como sabía o que ía suceder, señora? —dixo o labrego.
Ela non respondeu.
—¡Escoite! ¡Mire como quedou a vila de Valverde! —porfiou o vello.
—¡Eu, non quero ver tal! —dixo María dando as costas ao que acababa de suceder.
Nese intre, María e mailo seu neno permaneceron inmóbiles, igual ca un molde, e alí están, na capeliña do cruceiro de Moldes, ao pé da estrada da Curota e da Pobra, coma se un raio divino as tocase, ata o día de hoxe, onde é especialmente venerada polos devotos da Pobra do Caramiñal e de Palmeira. Chámanlle a Santa de Moldes ou a Nosa Señora de Belén, e fanlle festa o segundo domingo de maio.
A vila de Valverde dise que está aínda soterrada baixo un descomunal monte de area que actualmente ocupan as dunas de Corrubedo. Seguramente aínda hoxe poderíamos atopar algún vestixio da súa incomparábel riqueza de entón.
O pobo que media entre a ladeira do monte da Curota, é dicir, o lugar onde xace de costas a Santa de Moldes, e a vila de Valverde (as dunas), chámase Bretal (Ver tal), en clara alusión ás derradeiras palabras de piedade e misericordia da Virxe.

[Recreación da lenda por Duarte Fernández Vidal, de Santiago de Compostela (A Coruña) en febreiro de 2006]
As fotos son de Mario e de Paco.