martes, 4 de octubre de 2011

O 18 DE DECEMBRO VOLVESE A FACER A RUTA DAS MINAS DE SAN FINX; 13 de novembro, Minas de San Finx


   VARIAS PERSOAS COMENTARON QUE LLES QUEDOU PENA DE NON FACER A RUTA DAS MINAS DE SAN FINX, POLO QUE SE ACORDOU REPETILA O 18 DE DECEMBRO. QUEDAMOS COMO A OUTRA VEZ ÁS 8.45 DIANTE DA CASA DA CULTURA DE BOIRO E ÁS 9 E 5 NO COMPLEXO POLIDEPORTIVO A SILVA (LOUSAME). QUEN DESEXE VIR QUE SE APUNTE POR TELÉFONO OU EMAIL (COMA SEMPRE)
    O domingo 13 de novembro fixemos a ruta das minas de San Finx (Lousame), O punto de encontro foi  ás 8.45 h. diante da Casa da Cultura de Boiro. Fomos en coches particulares ata Pavillón Polideportivo - Piscina Municipal de Lousame no lugar de A Silva, ao lado do Colexio Cernadas de Castro (A Silva). Empezamos con mal tempo e tiña pinta de manterse así todo o día, pero despois da media hora inicial xa non volveu a chover e estivo un tempo fabuloso para andar e poidemos disfrutar das boas vistas do alto de Aguieira, incluso se vían As Cies. A pesar da mala pinta que tiña o tempo xuntámonos 88 pes, máis concretamente 84 pes e 4 patas.

    Dificultade: media-alta, ata as Minas de San Finx temos unha ascensión moderada, pero dende aí ata o alto de Aguieira hai unha ascensión pronunciada, aproximadamente partimos de 70 metros de altitude, As Minas de San Finx están arredor de 170 m de altitude e despois ascendemos ata 400 m de altitude aproximadamente. Duración estimada 5 horas e media (dende que saimos de A Silva ata que regresamos, incluindo os 30 minutos de visita guiada ao Museo). Kilómetros: 17 aproximadamente.

     Temos que dicir que o Concello de Lousame portouse XENIAL !!!!, ten varias rutas de sendeirismo marcadas, ao enterarse que íamos realizar esta ruta, fixéronlle o mantenimento, repasando os sinais, puxeron unha guía exproceso para este grupo (ademáis un domingo) e permitiron ducharse e cambiarse no Pavillón. A visita guíada ao museo resultou moi amena e interesante.

     A ruta de sendeirismo iniciase por unha vella corredoira que nos aproxima á aldea de Aldeagrande. Alí, tomamos o camiño polo monte cara a San Finx. Transcorridos uns 20 minutos, albiscamos o “charco” ou balsa de decantación da mina, que consiste nun pequeno encoro no río da Mina ou Rabaceiras. Este  encoro formaba parte das instalacións da mina, e a súa función consistía na decantación das partículas en suspensión e areas que baixaban na auga do río. Subindo atopamos a “areeira” ou escombreira na que se acumulaba todo o material de refugallo do proceso de extracción de wolfram e estaño de San Finx (dende finais do s. XIX ata finais do s. XX), xa que neste xacemento, a mineralización aparece, na súa maior parte, intruida dentro dun dique de cuarzo; chegou a formar un montículo de area totalmente branca que se vía dende moi lonxe. Esta area era moi valorada como material de construcción por estar formada unicamente de seixo.
Minas de San Finx
     Todo este camiño transcorre por un monte de eucaliptos que nos leva ata a balsa de auga que hai no río, preto da areeira da mina. Neste punto, temos que cruzar o río para, unha vez no outro lado, seguir un camiño de monte que nos levará ata a antiga escola, hoxe Centro de Interpretación. Neste centro persoal do Concello de Lousame nos fará unha visita guiada que durará sobre 30 minutos.
     Seguindo esta ruta pódense avistar, máis arriba da areeira, as instalacións industriais “fábrica nova”, “fábrica vella”, “o cuartel” e ata as “casas Baratas” nas que viviron multitude de traballadores das Minas coas súas familias... Unha vez rematado este camiño, atopamos a antiga escola convertida en Centro de Interpretación e Museo, no que hai que facer unha parada obrigada, xa que nos traslada ao século pasado, ás épocas de maior esplendor da mina. Dende alí podemos ver moi preto o “Pozo Novo”, que xunto co “Travesal Buenaventura”, foron os dous últimos buratos de extracción. Continuando pola estrada , chegamos  ao Chan da Mina atopamos boa parte das que eran instalacións auxiliares da mina: talleres (mecánico, carpintería e eléctrico), a casa do compresor, a cantina, vivendas..
     Unha vez feita a visita á mina, continuamos o noso camiño subindo cara a aldea de a Afeosa ó lado do edificio do compresor. A subida é bastante pronunciada, aínda que volta a ser chan ao chegar a aldea, volve a intensificarse ao ir chegando ao alto do monte da Aguieira ou Pedrantoas, aínda que as vistas panorámicas que imos acadando, van compensar o esforzo.  Tanto se miramos cara o S ou W podemos ver as rías de Arousa e Muros e Noia, albiscando a illa de Sálvora e o Monte Pindo, así como toda a serra da Barbanza co monte Iroite e Curota e tamén a Muralla se miramos cara o leste.
     Unha vez vistas as panorámicas, imos baixando cara á aldea de Cruido seguindo o percorrido do cortalumes para dirixirnos finalmente ao lugar de A Silva, onde deixamos os coches.

Nesta saída acompañáronnos un grupo de persoas de Vigo, "Os Mangarranas" do Club "Peña Trevinca, Montañeros de Galicia", e tiveron o detalle de pasarnos o enlace da ruta co track, por se alguen lle interesa descargala para o GPS http://es.wikiloc.com/wikiloc/spatialArtifacts.do?event=setCurrentSpatialArtifact&id=2236964