martes, 15 de mayo de 2012

3 de xuño: Parque de San Roque (Ribeira) - Parque Natural de Corrubedo


O domingo 3 de xuño fixemos unha ruta polo Concello de Ribeira, os puntos de encontro foron ás 9 diante da Casa da Cultura de Boiro e ás 9.30 no aparcamento do parque de San Roque (Hai que coller a estrada que vai dende a saída da autovía en Ribeira hacia Aguiño, a medio camino xa está sinalizado a man esquerda).

Esta foi unha saída distinta ás habituais, houbo ruta de sendeirismo e despois quedamos a comer xuntos,

A ruta de andar foron arredor de 16 km e levou arredor de 4 horas (paradas incluidas) e foi de dificultade baixa, é bastante chan e non presenta dificultades técnicas.



A salida é do aparcamento do periurbano de San Roque, a continuación fomos por detras do obradoiro cara ao monte da cidad, atravesamos a carretera que vai a Carreira na altura do cruce que sube ao mirador da RA, pasando a carretera xa se colle un camiño que hai á dereita e atravésase un piñeiral e vamos dar a debaixo do castro da cidad,de aí fomos bordeando toda a canteira ata chegar a carretera que vai a Artes, despois de andar uns douscentos metros por asfalto, entramos no parque do Vilar, andando polas suas corredoiras ata o rio de Artes, alí, despois de admirar as dunas máis as xunqueiras , e escoitar a lenda da cidad de Valverde e a historia do touro que se escoita bruar na noite de San Xoan, desandamos os pasos durante uns trescentos metros e por outros camiños do parque poñemos rumbo cara o centro de interpretacion, podendo observar algunas sendas do porco bravo, cerca do bar do parque, podemos apreciar os restos dunha canteira de pedra rosa (despois de pulila vendiana como marmol de Carrara). Seguimos rumbo aos muiños de Amendo (todos os anos faise neles unha muiñada, moese a fariña e nun deles, fanse as empanadas) a continuacion enfilamos ata o campo de Amendo e podemos apreciar  a lagoa de Vixan ,despois de pasar os campos, atravesamos a carretera do Vilar e poñemos proa ao lugar de Castro, dende aí empezamos a subir ata a cima do monte da Cidad e despois de escalar a pedra da RA baixamos ata a granxa e atravesaremos a carretera de Carreira a altura da ermida de San Roque , baixamos ata o rio de Pedrin e xa estamos de volta no parque, onde nos estaba esperando a comida, e un grupo de pandereteiras e algún gaiteiro para amenizarnos a comida.


Dar as grazas a Pachi por exercer de Faro de Corrubedo ao guiarnos por esta preciosa ruta e por preparar unha festa de cumpreanos sorpresa á chegada.


Lenda de Valverde e a Santa de Moldes
Hai moito, moito tempo, existía na parroquia de Olveira, concello de Ribeira (A Coruña), unha importante vila costeira chamada Valverde, habitual lugar de grandes comerciantes, áxiles mariñeiros e astutos negociantes. Alí chegaban mercar e vender xentes das máis lonxanas paraxes.
A industria pesqueira e mailo comercio eran bases sólidas e fortes que non facían máis que afianzar o carácter competitivo, orgulloso e individualista dos dirixentes da propia vila.
A riqueza e a fartura albergaban toda a vida da comunidade. Non había lugar para nada máis.
A pesar disto, as súas xentes amosábanse ledas, distendidas e amables. De feito, considerábanse pertencentes a unha vila privilexiada, xa que por unha banda o mar concedíalles peixe en abundancia e pola outra as negras terras eran moi ricas en fósforo e nitróxeno favorecendo as sementeiras de legumes e cereais.
Sen embargo, a medida que os días, meses e anos foron pasando, o afán dos habitantes por adquirir e posuír riquezas ía aumentando irremediablemente. Había disputas serias. Só se buscaba o propio beneficio. Cantas máis riquezas posuían, máis querían.
A propiedade das terras era o problema esencial. Uns protestaban porque as súas terras xa non producían como as do veciño; outros marcaban os lindes das propiedades de forma ilegal, invadindo e collendo un cacho de terra ao do lado; había moitos que pola noite ían roubar a colleita do veciño para vendela ao día seguinte na feira; algúns incluso chegaron a inundar as terras doutra persoa por pura envexa.
A riqueza e maila cobiza estaban a estragar a saúde da poboación, pero aínda así os seus dirixentes nin caso facían.
Paulatinamente os conflictos internos entre veciños ían dando paso a monumentais disputas sociais que requiriron a intervención directa do alcalde pedáneo.
Este era unha persoa ruín, sinónimo do que en verdade estaba a acontecer coas súas xentes, e en lugar de curar ao seu pobo das ansias de poder, non fixo máis que castigar aos culpables, que en realidade eran todos, impoñéndolles altísimas rendas co fin de agrandar aínda máis as súas arcas.
A situación na vila de Valverde era insoportabel. A agricultura case deixou de existir polo que o comercio desapareceu por completo; tódalas posesións estaban nas mans do alcalde tirano.
Certo día apareceu na vila unha muller cun meniño no colo. Levaba un manto branco cubrindo os seus lindos e escuros cabelos. Logo de percorrer triste e conmocionada cada curruncho da vila, presentouse na casa do alcalde. Este recibiuna cun semblante de certa intranquilidade e desacougo.
—¿Quen es ti? —dixo con certo aire de grandeza.
—Son María, e veño a anunciarlle que unha terrible maldición está a piques de envolver ao seu pobo. A cobiza e as ansias de riqueza están a acabar con el, e se vostede non fai nada, será o primeiro en coñecer a ira de Deus.
—Non me fagas rir, e marcha por onde viñeches, ¡Desvergoñada!.
Dunha batida pechoulle a porta diante dos fociños. María mirou desconsolada cara o ceo e derramou unha fermosa bágoa que caeu silandeira na impoluta fronte do seu precioso retoño.
Resignada, emprendeu camiño arriba, polas pistas de terra morna do monte da Curota tentándose alonxar o máis rápido posible da inmediata traxedia.
Camiño da Curota, María atopouse cun labrego, que estaba a rozar na herba coa súa gadaña. Este preguntoulle un tanto interesado:
—Boa dona, ¿onde vai tan de contado?
—Fuxo da fatalidade —respondeu ela concisa e sen sobresaltos.
—¿U-la fatalidade?
—Póñase a cuberto que velaquí a ben!
Entón o vento comezou a bruar e unha tormenta infernal recolleu toda a terra dos camiños, toda a area das praias, todas as árbores das fragas, e nunha enorme espiral dirixiuse violentamente cara a vila de Valverde que quedaría, en poucos minutos, totalmente sepultada.
Cando o furacán amainou, o labrego incorporouse asustado, ergueu a vista, e dende onde el estaba puido divisar o pobo de Valverde asolagado e enterrado baixo montes de area e lama.
O labrego viu entón como a muller continuaba andando como se ningún mal acontecese.
—¡Hei, ho!, ¿Como sabía o que ía suceder, señora? —dixo o labrego.
Ela non respondeu.
—¡Escoite! ¡Mire como quedou a vila de Valverde! —porfiou o vello.
—¡Eu, non quero ver tal! —dixo María dando as costas ao que acababa de suceder.
Nese intre, María e mailo seu neno permaneceron inmóbiles, igual ca un molde, e alí están, na capeliña do cruceiro de Moldes, ao pé da estrada da Curota e da Pobra, coma se un raio divino as tocase, ata o día de hoxe, onde é especialmente venerada polos devotos da Pobra do Caramiñal e de Palmeira. Chámanlle a Santa de Moldes ou a Nosa Señora de Belén, e fanlle festa o segundo domingo de maio.
A vila de Valverde dise que está aínda soterrada baixo un descomunal monte de area que actualmente ocupan as dunas de Corrubedo. Seguramente aínda hoxe poderíamos atopar algún vestixio da súa incomparábel riqueza de entón.
O pobo que media entre a ladeira do monte da Curota, é dicir, o lugar onde xace de costas a Santa de Moldes, e a vila de Valverde (as dunas), chámase Bretal (Ver tal), en clara alusión ás derradeiras palabras de piedade e misericordia da Virxe.
[Recreación da lenda por Duarte Fernández Vidal, de Santiago de Compostela http://www.galiciaencantada.com/)