sábado, 4 de marzo de 2023

26 de marzo ruta Costa da Vela (O Morrazo)


Sobre a Costa da Vela na páxina web de turismo da Xunta de Galicia explican:
“Entre as Rías de Vigo e Pontevedra, no punto máis occidental da península do Morrazo, encóntrase a Costa da Vela. Este é un mundo virxe no que o mar e os piñeiros son os donos da paisaxe. Aquí as vistas son dunha beleza espectacular.
Como o solpor desde o Faro de Cabo Home, un dos máis altos de Galicia. Ou os cantís de Donón, de máis de 150 m de altura e contra os que o mar se bate furioso. Ou a praia de Melide, coas illas Cíes enfronte, case ao alcance da man, e desde a que non é raro ver golfiños xogando na auga. Ou xa na ría de Vigo, as paradisíacas praias de Nerga e Barra, esta última nudista, de augas transparentes e rodeada de piñeiros que chegan case ata a area.
E dominando o ceo e a terra, o mítico Monte do Facho, antigo castro e santuario celta. Está só a 160 m sobre o nivel do mar pero o seu emprazamento é magnífico para non perderse nada, desde Cabo Silleiro a Cabo Fisterra.”
Información da ruta: partimos da praia de Liméns, enseguida subimos ata Nerga, dende onde xa son visibles os sinais do sendeiro GR-59. En Nerga pasamos polo sistema dunar da praia de Nerga, sairemos ao extremo occidental da praia de Nerga e pasamos pola praia de Viñó e dende aí atravesamos a praia de Barra.
Dende Barra ascendemos pouco a pouco por un sendeiro que nos leva ata as pistas de terra que rodean Cabo Home, visitando os faros de Subrido, Punta Robaleira e Cabo Home e a última praia do día, Melide. É salientable a constante presenza das Cíes no horizonte.

Unha vez percorrido o Cabo do Home camiñamos ata Donón e ascendemos ao Monte Facho visitando o castro que hai na cima. Dende aquí divisamos todo o entorno de Cabo Home. Da historia deste monte explicase na web del concello de Cangas o seguinte:
“En primeiro lugar, desde o século X A.C. ata o século VII A.C., existiu un poboado na ladeira este do que a penas temos información salvo a do seu excepcional tamaño. A partir do século VI a.C. xorde o castro galaico, poboado fortificado que subsistirá ata o século I a.C. Del aínda podemos ver parte das murallas, o foso, as pedras que conformaban as súas vivendas e que hoxe cobren as ladeiras do monte, os vertedoiros de lixo nas marxes do poboado ou a topografía actual do monte que deriva tanto da construción mesma do poboado como da configuración natural.
Posteriormente, un santuario levantado sobre o cumio vai a recoller as vellas crenzas de quen vivira no castro para dotalas, ao longo dos séculos II ó IV d.C., dun novo carácter, agora marcado polo proceso de asimilación da cultura latina na rexión do imperio romano chamado Gallaecia. Finalmente no século XVIII constrúese o posto de vixilancia costeira con fins militares do cal pervive a garita.
Apareceron 161 altares, no que fai casei dous mil anos debeu de ser un bosque de aras levantadas sobre o cumio do monte.”
Después do monte Facho descendemos e continuamos seguindo as marcas do GR-59 ata o cruceiro de Hío, unha das grandes marabillas do patrimonio etnográfico de Galicia. Este cruceiro do século XIX está tallado case na súa totalidade nun só bloque de granito. Adán e Eva ante o pecado orixinal, a Virxe do Carme auxiliando as ánimas do purgatorio ou a Virxe María pisando a cabeza do demo-dragón son só algunhas das pasaxes bíblicas que poderedes observar, e por último voltaremos á praia de Liméns.
















No hay comentarios:

Publicar un comentario