domingo, 28 de julio de 2019

1 DE SETEMBRO 2019 FRAGAS E LEVADAS DO CALVO E DEVA



Neste enlace tedes moitas fotos de Eduardo https://drive.google.com/drive/folders/1-S0nrBhW5pJ7tFx05MN8r51czfBXaJbv

Desplazarémonos en autobús e será una ruta aberta a non socios. Sairemos do lugar de A Ponte en Parada de Achas (A Cañiza) lonxitude 18km, dificultade moderado. A ruta circular, de 18 km., rodea o fermoso val de Parada de Achas, paseándonos por máxicas  fragas, por un singular bosque de sobreiras, por excepcionais paisaxes de media montaña e polos misterios e sons dos ríos Calvo e Deva.
Recupera sendas e camiños esquencidos, lugares cheos de encanto e historia, recunchos segredos nos que perderse e soñar…
Ten unha derivación de 6,2 km. , ao Coto da Vella que nos recompensa con impresionantes vistas.
CADA UN LEVA A SUA COMIDA (bocata, froita,…).
Hora saida: ás 7,50 horas da Cachada, paradas en Rianxo rotonda de Te ás 8 horas, e Catoira rotonda gasolineira Repsol ás 8,10. A hora de volta dependera do tempo que nos leve a ruta.
INSCRICCIÓNS:
SOCIOS ata o 7 de agosto,  NON SOCIOS a partir do 7 de agosto, hai de prazo ata o 28 de agosto a non ser que se cubran antes as prazas. POR CUESTIÓN DO SEGURO AOS NON FEDERADOS REMATA O PRAZO PARA INSCRIBIRSE O MARTES 27 ÁS 14 HORAS.
Prezos:
Federados de CMB Vintedouspés 10 €. É obrigatorio inscribirse
Federados doutros clubs 12 €, deberán ensinalo carné de federado ao iniciar a ruta.
Non federados 16 € (faráselles un seguro de día)

Para inscribirse
- Cubrir formulario neste enlace https://forms.gle/ECF3r2GD8HbYbtRj8
- Ingresar a cantidade que correspondente na conta do club ES2520800310553000121101 (Abanca)  (deixando constancia no ingreso o nome da persoa inscrita).
- Mandar xustificante do ingreso ao email vintedouspes@gmail.com.

Aviso para os inscritos: este plan pode sufrir algúnha modificación, se te inscribes, o sábado 31 de agosto pola tarde revisa o blog por se hai algún cambio.

Información da ruta facilitada por Xoanzinho en Wikiloc
Esta ruta transcorre pola parroquia de Parada de Achas, no Concello da Cañiza, con treitos realmente espectaculares e recantos de enorme fermosura. Malia ter algún tramo de enlace algo insípido, paga realmente a pena descubrir os agasallos para os sentidos que se agachan aquí. Foi preparado pola Asociación de Veciños e a Comunidade de Montes de Parada.

Deixamos o coche ao lado dun bar na praia fluvial da Ponte e seguimos as indicacións, abundantes en case todo o percorrido, aínda que é recomendable ter de man o gps para non despistarse nalgún desvío. A ruta é circular agás no primeiro quilómetro e medio, camiño que percorremos tanto á ida como á volta. Ao chegarmos a ese punto no km 1,5, no lugar das Caldas, temos que escoller en que sentido realizar a ruta: nós optamos por tirar á nosa dereita, en sentido descendente, directamente cara ao río Calvo até achegarnos a unhas poldras polas que non hai que cruzar . Mantémonos na beira dereita do río (no sentido da corrente) e pasamos onda o pontillón de madeira de Vilamide e o muíño de Entre as Viñas. Pouco máis adiante a levada de San Paio ou Sampaio (co seu muíño) e a levada de Pintelos vannos achegando a unha zona na que o río forma fermosos rápidos que logo de pequenos saltos rematan na fervenza do Deva, onde o as augas do río volven acougar. Levamos camiñado tres quilómetros e xa damos por xustificada a visita, sen saber todo o que nos espera. Un vídeo deste recanto gravado por nós este mesmo día tédelo en https://www.youtube.com/watch?v=dyUgsIbfNM8

A seguir adentrámonos na fraga do Deva da que saímos á altura do restaurante Cruceiro da Balsada, enlazando co Camiño Real. Atravesamos o lugar do Feirón, onde pasamos a carón do Pazo do conde de Cervellón (km 5,2) para logo atravesar o barrio da Igrexa. Entre estes dous lugares está indicada a primeira das variantes desta ruta, a derivación aos cotos, que non tomamos. Este é un tramo de pouco máis dun quilómetro pouco vistoso, mais axiña tomamos o camiño dos Defuntos que nos leva á fraga do río Calvo, auténtica marabilla natural da que gozamos durante practicamente dous fermosísimos quilómetros. O senlleiro castiñeiro da portada do tríptico da ruta fica fitándonos neste treito. A vexetación, as árbores, as pedras vestidas de verdes intensos, a auga chamando por nós para que nos desviemos un chisco do camiño e nos asomemos a contemplala nos diversos saltos que ten que ir dando para avanzar... Por certo, polo devandito camiño dos Defuntos baixaban aínda a comezos do século XX os cadaleitos dende os lugares de Formigueiro, Vilariño e Folgoso até Parada de Achas, tal como nos informa un panel na ruta máis adiante.

Déixovos a ligazón a un breve vídeo dun recanto do río Calvo: https://www.youtube.com/watch?v=y3DlegN49-Y

A uns 9 km do inicio saímos da fraga onda a segunda derivación, no lugar do Formigueiro: a variante do coto da Vella, que nos leva a lugares máis elevados do Paradanta (o coto da Vella é un espectacular miradoiro, principalmente cara ao sur, sobre o Paradanta e o val do Miño, a máis de 900 m de altitude). Nós continuamos agora en paralelo ao camiño polo que percorremos a fraga, pero a máis altura e por unha pista que vai cruzando regos como o de Porto de Bois (pouco máis adiante deste rego reaparece o camiño dos Defuntos como posible punto de retorno) ou o de Porta Cedeira, punto de confluencia do camiño da Raíña, denominado deste xeito por telo utilizado dona Urraca para ir ao castelo do Sobroso (antigamente “Soberoso” pola abundancia de sobreiras) ou mesmo ao castelo de Salvaterra de Miño. Este camiño entraba en Galiza dende Castela e pasaba, por exemplo, polos mosteiros de Oseira, Melón e A Franqueira.

Continúa o camiño cara ao muíño do Arendo (km 12,5) onde collemos a desviación cara á ermida da Pena de Francia, lugar de romaría cun fermoso castiñeiro centenario e boa zona de merendeiro (onde aproveitamos para tomar o noso bocata). O desvío até a ermida é duns 800 metros (ida e volta incluídas). Pouco máis adiante atopamos o pequeno río Oulo e atravesamos un fermoso sobreiral polo que nos achegamos novamente ao río Deva.

Ao pasar a pequena central hidroeléctrica de Cabo (km 15,6) hai unha ponte que nos levaría directamente ao lugar da Ibia, pero preferimos descubrir (e que ben fixemos sen o saber) o fermoso recanto que nos regala o Deva seguindo o río xusto antes de chegar ao muíño da Ibia. Seica debería haber unhas poldras para cruzar o río: ou non as vimos ou estaban cubertas pola auga, pero cun chisco de paciencia sempre se atopa unha zona de paso (a non ser que o caudal sexa moito, pero cando pasamos non era pequeno). No peor dos casos soamente habería que recuar uns trescentos metros, así que ben paga a pena asomarse.

A partir de aquí atravesamos o lugar da Ibia, cruzamos outra ponte sobre o Deva e chegamos de volta ao lugar das Caldas, dende onde regresamos ao punto de partida.

Tríptico informativo http://www.caniza.org/recursos/archivos/Folleto%20Sendero.pdf


No hay comentarios:

Publicar un comentario