VARIAS PERSOAS COMENTARON QUE LLES QUEDOU PENA DE NON FACER A RUTA DAS MINAS DE SAN FINX, POLO QUE SE ACORDOU REPETILA O 18 DE DECEMBRO. QUEDAMOS COMO A OUTRA VEZ ÁS 8.45 DIANTE DA CASA DA CULTURA DE BOIRO E ÁS 9 E 5 NO COMPLEXO POLIDEPORTIVO A SILVA (LOUSAME). QUEN DESEXE VIR QUE SE APUNTE POR TELÉFONO OU EMAIL (COMA SEMPRE)
O domingo 13 de novembro fixemos a ruta das minas de San Finx (Lousame), O punto de encontro foi ás 8.45 h. diante da Casa da Cultura de Boiro. Fomos en coches particulares ata Pavillón Polideportivo - Piscina Municipal de Lousame no lugar de A Silva, ao lado do Colexio Cernadas de Castro (A Silva). Empezamos con mal tempo e tiña pinta de manterse así todo o día, pero despois da media hora inicial xa non volveu a chover e estivo un tempo fabuloso para andar e poidemos disfrutar das boas vistas do alto de Aguieira, incluso se vían As Cies. A pesar da mala pinta que tiña o tempo xuntámonos 88 pes, máis concretamente 84 pes e 4 patas.
Dificultade: media-alta, ata as Minas de San Finx temos unha ascensión moderada, pero dende aí ata o alto de Aguieira hai unha ascensión pronunciada, aproximadamente partimos de 70 metros de altitude, As Minas de San Finx están arredor de 170 m de altitude e despois ascendemos ata 400 m de altitude aproximadamente. Duración estimada 5 horas e media (dende que saimos de A Silva ata que regresamos, incluindo os 30 minutos de visita guiada ao Museo). Kilómetros: 17 aproximadamente.
Temos que dicir que o Concello de Lousame portouse XENIAL !!!!, ten varias rutas de sendeirismo marcadas, ao enterarse que íamos realizar esta ruta, fixéronlle o mantenimento, repasando os sinais, puxeron unha guía exproceso para este grupo (ademáis un domingo) e permitiron ducharse e cambiarse no Pavillón. A visita guíada ao museo resultou moi amena e interesante.
A ruta de sendeirismo iniciase por unha vella corredoira que nos aproxima á aldea de Aldeagrande. Alí, tomamos o camiño polo monte cara a San Finx. Transcorridos uns 20 minutos, albiscamos o “charco” ou balsa de decantación da mina, que consiste nun pequeno encoro no río da Mina ou Rabaceiras. Este encoro formaba parte das instalacións da mina, e a súa función consistía na decantación das partículas en suspensión e areas que baixaban na auga do río. Subindo atopamos a “areeira” ou escombreira na que se acumulaba todo o material de refugallo do proceso de extracción de wolfram e estaño de San Finx (dende finais do s. XIX ata finais do s. XX), xa que neste xacemento, a mineralización aparece, na súa maior parte, intruida dentro dun dique de cuarzo; chegou a formar un montículo de area totalmente branca que se vía dende moi lonxe. Esta area era moi valorada como material de construcción por estar formada unicamente de seixo.
| Minas de San Finx |
Seguindo esta ruta pódense avistar, máis arriba da areeira, as instalacións industriais “fábrica nova”, “fábrica vella”, “o cuartel” e ata as “casas Baratas” nas que viviron multitude de traballadores das Minas coas súas familias... Unha vez rematado este camiño, atopamos a antiga escola convertida en Centro de Interpretación e Museo, no que hai que facer unha parada obrigada, xa que nos traslada ao século pasado, ás épocas de maior esplendor da mina. Dende alí podemos ver moi preto o “Pozo Novo”, que xunto co “Travesal Buenaventura”, foron os dous últimos buratos de extracción. Continuando pola estrada , chegamos ao Chan da Mina atopamos boa parte das que eran instalacións auxiliares da mina: talleres (mecánico, carpintería e eléctrico), a casa do compresor, a cantina, vivendas..
Unha vez feita a visita á mina, continuamos o noso camiño subindo cara a aldea de a Afeosa ó lado do edificio do compresor. A subida é bastante pronunciada, aínda que volta a ser chan ao chegar a aldea, volve a intensificarse ao ir chegando ao alto do monte da Aguieira ou Pedrantoas, aínda que as vistas panorámicas que imos acadando, van compensar o esforzo. Tanto se miramos cara o S ou W podemos ver as rías de Arousa e Muros e Noia, albiscando a illa de Sálvora e o Monte Pindo, así como toda a serra da Barbanza co monte Iroite e Curota e tamén a Muralla se miramos cara o leste.
Unha vez vistas as panorámicas, imos baixando cara á aldea de Cruido seguindo o percorrido do cortalumes para dirixirnos finalmente ao lugar de A Silva, onde deixamos os coches.
Nesta saída acompañáronnos un grupo de persoas de Vigo, "Os Mangarranas" do Club "Peña Trevinca, Montañeros de Galicia", e tiveron o detalle de pasarnos o enlace da ruta co track, por se alguen lle interesa descargala para o GPS http://es.wikiloc.com/wikiloc/spatialArtifacts.do?event=setCurrentSpatialArtifact&id=2236964
Nesta saída acompañáronnos un grupo de persoas de Vigo, "Os Mangarranas" do Club "Peña Trevinca, Montañeros de Galicia", e tiveron o detalle de pasarnos o enlace da ruta co track, por se alguen lle interesa descargala para o GPS http://es.wikiloc.com/wikiloc/spatialArtifacts.do?event=setCurrentSpatialArtifact&id=2236964
