martes, 11 de abril de 2017

Tres días de sendeirismo pola Ribeira Sacra. 29, 30 de abril e 1 de maio

trintaecincocorazóns sentiron a ribeira sacra con vintedouspés

vintedous miradoiros
vintedous rios
vintedous verdes
vintedous bicas
vintedous castiñeiroscasimilenarios
vintedous pratos
vintedous mosteiros
vintedous miradas
vintedous subidas
vintedous bicos
vintedous palabras
vintedous chuvieiras
vintedous cucos
vintedous silencios
vintedous apertas
vintedous chistes
vintedous cervexas
vintedous alfombras
vintedous ventás
vintedous olores
vintedous sorrisos
vintedous restaurantes
vintedous fotos
vintedous estrelas
vintedous gargalladas
vintedous camas
vintedous sons
vintedous impresionantes
vintedous ......................
vintedous ......................
vintedous ......................
vintedous pés.


RUTA DO CANON DO RÍO MAO (sábado 29 de abril)

Esta ruta circular do Concello de Parada de Sil, é unha das máis atractivas da Ribeira Sacra.A ruta percorre o Canón do río Mao, dende San Lourenzo ata a ponte romana de Conceliñas, aproveitando a canle abandonada da antiga central hidroeléctrica. Este tramo discorre no seu maior parte pola propia canle, que percorre o canón a media ladeira cunha pendente moi suave. Atoparemos as tumbas antropomórficas de San Vitor, escavadas na roca, muíños e a ponte romana de Conceliñas.
O resto do percorrido, xa aloxándonos do canón, discorre por camiños de carro, con muros a ambos os dous lados, atravesando carballeiras e pasteiros, e con boas vistas do Canón do Sil en varios puntos. Visitaremos os núcleos de Forcas e A Miranda, pobos de montaña ben conservados e regresaremos a San Lourenzo.

Seguimos a ruta oficial PR-G 177 Ruta do Canón do Río Mao, do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. 15,92 km. Circular. https://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=10201821
































CANÓN DO SIL-SANTA CRISTINA (domingo 30 de abril)


Esta ruta circular, empeza e termina na Praza do Barquilleiro, no pobo de Parada de Sil. Debido á proximidade da Praza do Barquilleiro e Fondo de Vila, pódese dividir a ruta en dous tramos tamén circulares mediante unha variante.  Isto permite reducir o percorrido á metade.
O carreiro transcorre maioritariamente por camiños de carro, entre muros, que percorren a paisaxe do borde do canón, entre unha abundante vexetación onde predominan os carballos e os castiñeiros.
Boa parte do percorrido realízase de maneira paralela ao Río Sil, e atoparemos varios miradoiros no percorrido, o que nos permitirá gozar das espectaculares vistas, e dos tradicionais viñedos dispostos nas paredes do canón.
Un dos puntos máis interesantes do percorrido é o mosteiro de Santa Cristina, que se atopa escondido no medio dun souto de castiñeiros. Pódese visitar todo o ano, aínda que a igrexa só está aberta no verán e algúns fins de semana.

Seguimos a ruta oficial, pero en sentido contrario, PR-G 98 Canón do Sil - Santa Cristina de Consorcio Turismo 17,64 km. https://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=5654077













































RUTA DE MAQUINO LARGAÑO (luns 1º de maio)

Este percorrido circular iníciase no pobo de Luíntra, capital do Concello de Nogueira de Ramuín. O percorrido resulta moi variado nas paisaxes, pasando por carballeiras, bosques de bidueiros, leiras e poboacións. A ruta discorre principalmente por camiños e pistas de terra entre arboredo, con pendentes suaves. Visitaremos varios pobos do municipio, as mámoas de Moura, o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e un tramo do canón do Sil pertencente á Rede Natura.
Seguimos a ruta oficial PR-G 178 Ruta de Maquino Largaño.14,77 km, circular https://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=10153320















As fotos son de Paco, Eduardo e Domingo. Neste enlace (pinchado nas carpetas) tedes máis fotos de Eduardo e Domingo https://drive.google.com/drive/folders/0B8xJbscwa56VeURlWjkydXdHUkk

A información das rutas foi facilitado polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra

No hay comentarios:

Publicar un comentario