martes, 4 de octubre de 2011

O 18 DE DECEMBRO VOLVESE A FACER A RUTA DAS MINAS DE SAN FINX; 13 de novembro, Minas de San Finx


   VARIAS PERSOAS COMENTARON QUE LLES QUEDOU PENA DE NON FACER A RUTA DAS MINAS DE SAN FINX, POLO QUE SE ACORDOU REPETILA O 18 DE DECEMBRO. QUEDAMOS COMO A OUTRA VEZ ÁS 8.45 DIANTE DA CASA DA CULTURA DE BOIRO E ÁS 9 E 5 NO COMPLEXO POLIDEPORTIVO A SILVA (LOUSAME). QUEN DESEXE VIR QUE SE APUNTE POR TELÉFONO OU EMAIL (COMA SEMPRE)
    O domingo 13 de novembro fixemos a ruta das minas de San Finx (Lousame), O punto de encontro foi  ás 8.45 h. diante da Casa da Cultura de Boiro. Fomos en coches particulares ata Pavillón Polideportivo - Piscina Municipal de Lousame no lugar de A Silva, ao lado do Colexio Cernadas de Castro (A Silva). Empezamos con mal tempo e tiña pinta de manterse así todo o día, pero despois da media hora inicial xa non volveu a chover e estivo un tempo fabuloso para andar e poidemos disfrutar das boas vistas do alto de Aguieira, incluso se vían As Cies. A pesar da mala pinta que tiña o tempo xuntámonos 88 pes, máis concretamente 84 pes e 4 patas.

    Dificultade: media-alta, ata as Minas de San Finx temos unha ascensión moderada, pero dende aí ata o alto de Aguieira hai unha ascensión pronunciada, aproximadamente partimos de 70 metros de altitude, As Minas de San Finx están arredor de 170 m de altitude e despois ascendemos ata 400 m de altitude aproximadamente. Duración estimada 5 horas e media (dende que saimos de A Silva ata que regresamos, incluindo os 30 minutos de visita guiada ao Museo). Kilómetros: 17 aproximadamente.

     Temos que dicir que o Concello de Lousame portouse XENIAL !!!!, ten varias rutas de sendeirismo marcadas, ao enterarse que íamos realizar esta ruta, fixéronlle o mantenimento, repasando os sinais, puxeron unha guía exproceso para este grupo (ademáis un domingo) e permitiron ducharse e cambiarse no Pavillón. A visita guíada ao museo resultou moi amena e interesante.

     A ruta de sendeirismo iniciase por unha vella corredoira que nos aproxima á aldea de Aldeagrande. Alí, tomamos o camiño polo monte cara a San Finx. Transcorridos uns 20 minutos, albiscamos o “charco” ou balsa de decantación da mina, que consiste nun pequeno encoro no río da Mina ou Rabaceiras. Este  encoro formaba parte das instalacións da mina, e a súa función consistía na decantación das partículas en suspensión e areas que baixaban na auga do río. Subindo atopamos a “areeira” ou escombreira na que se acumulaba todo o material de refugallo do proceso de extracción de wolfram e estaño de San Finx (dende finais do s. XIX ata finais do s. XX), xa que neste xacemento, a mineralización aparece, na súa maior parte, intruida dentro dun dique de cuarzo; chegou a formar un montículo de area totalmente branca que se vía dende moi lonxe. Esta area era moi valorada como material de construcción por estar formada unicamente de seixo.
Minas de San Finx
     Todo este camiño transcorre por un monte de eucaliptos que nos leva ata a balsa de auga que hai no río, preto da areeira da mina. Neste punto, temos que cruzar o río para, unha vez no outro lado, seguir un camiño de monte que nos levará ata a antiga escola, hoxe Centro de Interpretación. Neste centro persoal do Concello de Lousame nos fará unha visita guiada que durará sobre 30 minutos.
     Seguindo esta ruta pódense avistar, máis arriba da areeira, as instalacións industriais “fábrica nova”, “fábrica vella”, “o cuartel” e ata as “casas Baratas” nas que viviron multitude de traballadores das Minas coas súas familias... Unha vez rematado este camiño, atopamos a antiga escola convertida en Centro de Interpretación e Museo, no que hai que facer unha parada obrigada, xa que nos traslada ao século pasado, ás épocas de maior esplendor da mina. Dende alí podemos ver moi preto o “Pozo Novo”, que xunto co “Travesal Buenaventura”, foron os dous últimos buratos de extracción. Continuando pola estrada , chegamos  ao Chan da Mina atopamos boa parte das que eran instalacións auxiliares da mina: talleres (mecánico, carpintería e eléctrico), a casa do compresor, a cantina, vivendas..
     Unha vez feita a visita á mina, continuamos o noso camiño subindo cara a aldea de a Afeosa ó lado do edificio do compresor. A subida é bastante pronunciada, aínda que volta a ser chan ao chegar a aldea, volve a intensificarse ao ir chegando ao alto do monte da Aguieira ou Pedrantoas, aínda que as vistas panorámicas que imos acadando, van compensar o esforzo.  Tanto se miramos cara o S ou W podemos ver as rías de Arousa e Muros e Noia, albiscando a illa de Sálvora e o Monte Pindo, así como toda a serra da Barbanza co monte Iroite e Curota e tamén a Muralla se miramos cara o leste.
     Unha vez vistas as panorámicas, imos baixando cara á aldea de Cruido seguindo o percorrido do cortalumes para dirixirnos finalmente ao lugar de A Silva, onde deixamos os coches.

Nesta saída acompañáronnos un grupo de persoas de Vigo, "Os Mangarranas" do Club "Peña Trevinca, Montañeros de Galicia", e tiveron o detalle de pasarnos o enlace da ruta co track, por se alguen lle interesa descargala para o GPS http://es.wikiloc.com/wikiloc/spatialArtifacts.do?event=setCurrentSpatialArtifact&id=2236964

miércoles, 14 de septiembre de 2011

2 de outubro Carballeiras de Brión


O domingo 2 de outubro fixemos a ruta de as carballeiras de Brión, o punto de encontro foi ás 9 da mañá diante da Casa da Cultura de Boiro.
A ruta de andar foron 16 km, foi circular, a primeira parte por unha carballeira á beira do rio Tambre, unha lixeira subida pero pouca cousa. Despues percorre unha zona de campos e máis carballos para despois subir un regato con muiños. Ao rematar o regato chegamos a Esparís, onde se fixo unha parada. Queda atravesar algunhas aldeas e máis carballeira para chegar aos coches.
A saída foi dende a área recreativa que hai antes da ponte sobre o rio Tambre na carretera que vai dende Urdilde a Negreira.
Dificultade baixa, duración da ruta de andar sobre 4 horas en total, descanso incluido. En coche leva sobre 45 minutos ir, é dicir, ida e volta sobre 1 hora e 30 minutos. Foi o día que máis pes xuntamos nas saídas de Vintedouspes, superamos os cen pes.

lunes, 27 de junio de 2011

Domingo 11 de setembro Muralla de Aldariz (Lousame - Rianxo)


O punto de encontro foi ás 9 da mañá diante da Casa da Cultura de Boiro. Saimos en coches ata cerca da aldea de Arribas (Lousame) e fomos andando ata a Muralla, a maioría do tempo por terras de Lousame, cerca de Rianxo. o tempo non axudou e non poidemos disfrutar das boas vistas da ruta, pero disfrutamos da néboa, da chuvia e dunhas cañas cunhas boas tapas que tivo o detalle de invitarnos a casa de turismo rural A Casa do Xan en Ardeleiros (Lousame).
A ruta foi de dificultade media, sin moito desnivel dende 320 m de altitude en Arribas ata os 680 m de A Muralla.
Parabéns ao Concello de Lousame por marcar rutas de sendeirismo e por facerlles mantenimento, dese xeito calquera pode realizar esta ruta, está moi ben marcada.

martes, 7 de junio de 2011

25 de xuño: ruta nocturna polos Chans do Barbanza






O sábado 25 de xuño xuntámonos ás 21 horas diante da Casa da Cultura de Boiro, fomos en coches ata zona próxima á Curota, Alto de Armelo.

A ruta foron sobre 12 km, con pouco desnivel polos Chans do Barbamza, Alto de Armelo (498 m. de altitude), collemos pista de terra ata a base do monte Enxa (350 m), subimos ao Alto de Torre (656 m) e volvemos ao Alto de Armelo.  Dificultade: fisicamente foi unha ruta facil, tivo certa dificultade por facela de noite, polo que a clasificamos de dificultade media. Aproveitamos para ver estrelas, constelacións e contos sobre elas cuns guías fabulosos, Juan e Manolo.

Tivemos o problema da espera antes de arrancar a andar, pero o resto da ruta saiu moi ben, tivemos unha noite fabulosa, a queimada resultou unha gozada, e os que fixeron vivac tamén continuaron cunha noite máxica.
Desta vez casi chegamos aos pes do cempes, contamos 94 pes, incluíndo os cans, por suposto.


 

miércoles, 18 de mayo de 2011

5 de xuño: Boiro - Queiruga (Porto do Son)

O 5 de xuño fíxose a ruta de Boiro a Queiruga. Pasamos por Mosquete , A Portela, alto do Barbanza (muiños de vento),  Enxerto de arriba , fervenzas de rio Sieira,  Xufres , para logo desde a Portela de Gouris chegar a Queiruga

Esta ruta foi distinta ás anteriores, non foi circular, Juan "Bocacho" fixo de guía.
Foron sobre 22 km. O punto de encontro foi ás 9 diante da Casa da Cultura de Boiro.
Quen queira ver máis fotos desta saída pode consultar esta galería de fotos sacadas por Juan "Bocacho" neste enlace: https://picasaweb.google.com/105752154865242940854/BoiroAQueirugaVintedouspes?authkey=Gv1sRgCN-d6vKT6oHYHQ&feat=email#

martes, 26 de abril de 2011

Ruta 15 de maio: Boiro - Canteira de Runs - Sabuceda

  




Carballeira de Sabuceda
 O 15 de maio do 2011 xuntámonos ás 9 diante da Casa da Cultura de Boiro e fomos en coches ata canteira de Runs. Empezamos a andaina polo río/rego Acevedro,  pasamos por Porto do Barco e Chan de Reis, vimos o Outeiro do Corvo, cruzamos o rego das Salgueiriñas. e chegamos a Sabuceda (cerca dos Chans do Barbanza), e baixamos polo Coto da Moureira ata a canteira de Runs. Pasamos por varios tramos de calzada antiga. Dificultade: media; kilómetros aproximados: 13; duración: sobre 5 horas (incluindo pequeno desprazamento en coche).
Nuget nos pasou o enlace desta ruta en GPS
http://gl.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=1869174

Outeiro do Corvo



 
Rego das Salgueiriñas
 


martes, 5 de abril de 2011

Saída 24 de abril Tállara-Iroite

O sábado 24 de abril fomos no coche ata Tállara.
Esta ruta é de dificultade media-alta, arredor de 18 km, a duración da ruta (sen contar o tempo de desprazamento en coche) será arredor de 5 horas e media ou 6 horas, é unha ruta que se inicia cunha subida dende Tállara (100 m de altitude aprox.) ata Iroite  (687 m de altitude), entre subir e llanear faremos sobre 13 km.; e despois se descende 5 km aproximadamente.

Pasamos pola beira dun rego, Codemeiroso (creemos que é ese o seu nome), afluente do río Lobo (Tállara), con varios muiños, un deles bastante curioso, Casamea, Iroite, Barreira, Guiende e Pascual. Chegando ao final da ruta pasamos por 200 escaleiras/pasos que parece ser son antiquísimas e forman parte do camiño para ir á Igrexa de Tállara dende as aldeas de Barreira e Guiende. É unha ruta circular. Javier fixo de guía.