jueves, 4 de mayo de 2017

28 de maio: ruta polo rio Vilacoba e monte Aguieira (Lousame)

Agradecer ao Concello de Lousame que se enteraron de que iamos facer esta ruta e se puxeron a limpala.

Puntos de encontro ás 8 e 5 en Boiro (sitio de costumbre), ás 8 e media diante da Casa do Concello de Lousame en Portobravo
Dificultade: media-baixa.
Duración estimada: entre 5 e 5 horas e media.
Entre 17 e 18 km.

No primeiro tramo da ruta, pola beira esquerda do río, dende Brandia ata Soutorredondo, o Vilacoba discorre manso e tranquilo polo medio dun frondoso bosque de ribeira que lle da sombra ata chegar á piscifactoría de Soutorredondo.
     En Brandia, no comezo da ruta, na área recreativa que se habilitou coa restauración de dous muiños preto das casas desta aldea, temos a poucos centos de metros as ruinas da primeira fábrica de papel das catro coas que imos topar ó longo do noso percorrido; esta fábrica foi trasladada nos anos setenta a Vidán, preto de Santiago. O camiño neste tramo pódese facer algo lento polas dificultades do terreo en algún anaco, aínda que hai pasarelas en sitios difíciles, especialmente ó chegar á altura da aldea de A Albariza.
     Ó alcanzá-la seguínte aldea (O Castro) temos, a uns cen metros da beira esquerda, as aínda impresionantes ruinas da maxestosa fábrica de papel de Fontán. Neste tramo, e debido a que o río non salva desniveis importantes, o curso do mesmo chega a formar algunha pequena praia fluvial como a que atopamos un pouco antes da aldea de Cerquides, preto das ruinas da fábrica de papel da Galiñeira, a terceira no noso camiño. Este traxecto é fácil de andar, e moi apropiado para disfrutar do solitario e frondoso entorno polo que transcorre.
     O cauce volta a incidir sobre o terreo ó pasa-la Piscifactoría de Soutorredondo, despois de retomar o camiño pola beira dereita do río, á altura desta aldea hai uns afloramentos graníticos que a auga foi erosionando dando lugar a unha serie de pozos ou piscinas (Pozo das Vacas, Pozo Negro), moi frecuentadas por bañistas no verán. Nesta impresionante paisaxe que forman os pozos coa vexetación de ribeira e a morfoloxía do terreo, temos varios muiños pertencentes á aldea de Lesende, o da Fonte e o de Calistro. Será salvando estes rápidos cando cheguemos á ponte medieval de A Gaiteira, que comunicaba a aldea de Aguieira coa igrexa de Lesende, parroquia á que pertence. A ruta continúa subindo pola ribeira dereita do río cara á ponte de Vilacoba, atopando no medio o Pozo da Escaleira, tamén moi visitado no verán polos mozos do contorno. O camiño volta a ser bastante doado unha vez deixadas atrás a subida a Lesende e o tramo de pozos (información tomada da páxina web do Concello de Lousame).
     Ó chegar á ponte de Vilacoba desviámonos cara ó monte Aguieira, onde agardamos poder disfrutar dunha bonitas vistas e dirixirémonos cara o punto de inicio.

Para participar é obrigatorio estar federado en montañismo (polo motivo de ter un seguro que cubra posibles accidentes ou rescates), Se estás federado en montañismo noutro club podes asistir á ruta pagando 2 € e deberás mostrar o carné. Se non estás federado e queres federarte con nos tes unha entrada do blogue no que se explica http://vintedouspes.blogspot.com.es/2015/12/licenzas-federativas-2016.html

Se queres anotarte chama por teléfono aos números 615 637 227 ou 616 523 902; ou manda un email a: vintedouspes@gmail.com. Prégase ser puntuais. Deberase respetar o medio ambiente.

Haberá unha persoa que vaia poñendo o ritmo por diante e outra por detrás que se deberán respetar. Se busca que o grupo vaia compacto, se pon un ritmo medio, se eres dos que so disfruta andando rápido non te sentirás cómodo neste grupo e se eres dos que vas lento ou non tes un mínimo de forma física tampouco deberías participar pois farías que o resto do grupo tivera que ir agardando por ti.
Neste enlace está o track da ruta https://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=18022340

As fotos son de Domingo e Paco.






















No hay comentarios:

Publicar un comentario