miércoles, 2 de julio de 2025

20 de xullo faremos ruta polos ríos rios Vilacoba e San Lois (Lousame)

 Boas, O domingo 20 de xullo o Club de Montaña do Barbanza Vintedouspés organiza unha ruta polos ríos rios Vilacoba e San Lois (Lousame). Iremos en coches particulares, so poden ir socios/as, os puntos de encontro son:

 En Boiro ás 8 Avda da Constitución, diante da Casa da Cultura de Boiro

 Ás 8.30 aparcamento para ir a Toxosoutos, carretera que vai de Noia a Santiago (carretera vella, non autovía)  para empezar a andar.

 A ruta é circular, ten bastante sombra, rematamos nunha zona de rio con poza para bañarse, cando se organicen os coches deberase ter en conta se o coche vai quedar un pouco máis para darse un baño ou se ao rematar volve para o punto de inicio. Os que teñan intención de bañarse deberán levar bañador e toalla.

 

Distancia a percorrer sobre 16 km.

 Duración estimada 5 horas e media.

 Dificultade media porque bastante do percorrido vai pola beira dos rios, ten tramos que están esvaradizos, hai que ir con coidado e levar calzado axeitado para andar polo monte. Aconsellamos levar algo para picar e/ou comer

 

Para inscribirse deberás contestar a este correo indicando nome, apelidos e lugar onde te incorporas antes das 20 horas do venres 18 de xullo .

 No caso de te inscribas o sábado 19 de xullo a partir das 17 horas deberás consultar o noso blog por se hai algún cambio de última hora.

 

Información da ruta facilitada polo concello de Lousame pero nos non a faremos así, empezamos noutro sitio e a recortaremos algo:

 O val deste río percorre o Concello de E a W dividindo as parroquias de Vilacoba, Lesende e Lousame. Ó longo de todo este seu decorrer cara o mar, ten unha gran diversidade tanto morfolóxica como paisaxística e biolóxica, que pode contemplarse camiñando pola ruta de sendeirismo que hai marcada e sinalizada nas súas ribeiras. Este percorrido continúa polas do seu tributario o San Xusto, que percorre a parroquia do mesmo nome, despois de nacer en terras de Fontefría.

  No primeiro tramo da ruta, pola beira esquerda do río, dende Brandia ata Soutorredondo, o Vilacoba discorre manso e tranquilo polo medio dun frondoso bosque de ribeira que lle da sombra ata chegar á piscifactoría de Soutorredondo.

 En Brandia, no comezo da ruta, na área recreativa que se habilitou coa restauración de dous muiños preto das casas desta aldea, temos a poucos centos de metros as ruinas da primeira fábrica de papel das catro coas que imos topar ó longo do noso percorrido; esta fábrica foi trasladada nos anos setenta a Vidán, preto de Santiago. O camiño neste tramo pódese facer algo lento polas dificultades do terreo en algún anaco, aínda que hai pasarelas en sitios difíciles, especialmente ó chegar á altura da aldea de A Albariza.

  Ó alcanzá-la seguínte aldea (O Castro) temos, a uns cen metros da beira esquerda, as aínda impresionantes ruinas da maxestosa fábrica de papel de Fontán. Neste tramo, e debido a que o río non salva desniveis importantes, o curso do mesmo chega a formar algunha pequena praia fluvial como a que atopamos un pouco antes da aldea de Cerquides, preto das ruinas da fábrica de papel da Galiñeira, a terceira no noso camiño. Este traxecto é fácil de andar, e moi apropiado para disfrutar do solitario e frondoso entorno polo que transcorre.

  O cauce volta a incidir sobre o terreo ó pasa-la Piscifactoría de Soutorredondo, especialmente logo da subida, para visita-los petroglifos de Lesende (tallados na Idade do Bronce, no segundo milenio antes de Cristo). Despois de retomar o camiño pola beira dereita do río, á altura desta aldea hai uns afloramentos graníticos que a auga foi erosionando dando lugar a unha serie de pozos ou piscinas (Pozo das Vacas, Pozo Negro), moi frecuentadas por bañistas no verán. Nesta impresionante paisaxe que forman os pozos coa vexetación de ribeira e a morfoloxía do terreo, temos varios muiños pertencentes á aldea de Lesende, o da Fonte e o de Calistro. Será salvando estes rápidos cando cheguemos á ponte medieval de A Gaiteira, que comunicaba a aldea de Aguieira coa igrexa de Lesende, parroquia á que pertence. A ruta continúa subindo pola ribeira dereita do río cara á ponte de Vilacoba, atopando no medio o Pozo da Escaleira, tamén moi visitado no verán polos mozos do contorno. O camiño volta a ser bastante doado unha vez deixadas atrás a subida a Lesende e o tramo de pozos.

  Ó chegar á ponte de Vilacoba desviámonos cara ó monte Colou dende onde temos unhas excelentes vistas da Ría de Noia-Muros. Dende alí baixamos cara á aldea de Toxosoutos para comezar o percorrido polo río San Xusto. Dende esta aldea hai que baixar ata a igrexa, onde se poden facer visitas ás dúas fervenzas que hai no río augas arriba. Despois baixamos e cruzamos a ponte de madeira que hai detrás da Casa Rectoral (convertida en albergue turístico) por unha pequena corredoira quen nos conduce ó pombal propiedade do mosteiro. Partindo deste punto imos dar á carballeira da beira do río por onde continuamos ata un camiño de monte que nos leva a preto de Cabanetán, para baixar de novo á beira do mesmo e seguir o seu curso pasando polo Pozo do Capitán (en Boña) no que hai unha impresionante fervenza. O camiño continúa pola canle que leva a auga á fábrica de papel das Maceiriñas e de alí atravesamos polo monte de Béxeres ata chegar de volta ó río Vilacoba na ponte que hai en fronte da fábrica de Fontán.

                                       ////////////////////////////////////////////////////////////////////////

En agosto temos pensado organizar unha ruta nocturna, máis adiante vos informaremos